Sunday 05 de May de 2024

Xavier Lama gaña o I Premio Laudamuco  para textos teatrais con ‘Na miña alma ouvea un lobo’


 

O certame, que promove a figura de Vidal Bolaño, foi convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas

Xabier Lama é o gañador da primeira edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. O autor, natural de Guntín (Lugo) e afincado en Santiago, concorreu ao certame coa obra ‘Na miña alma ouvea un lobo’, presentada co lema ‘Refachos de dor’.

O xurado, que avaliou os 54 textos presentados, fundamentou a súa decisión, tomada por maioría, na “capacidade do autor para explorar, con notable eficacia dramática e a través de sucesos e personaxes tomados da realidade, zonas escuras do funcionamento dos estados modernos, sen impoñerlle ao lector puntos de vista únicos”. Ademais valoraron “moi positivamente as potencialidades escénicas que se derivan dun texto estruturado en cadros ou escenas breves que favorecen un ritmo áxil á vez que contundente”.

A entrega do premio terá lugar o 16 de maio de 2019 no transcurso dun acto organizado polo Concello de Brión co gallo do 41 aniversario da posta en escena de Laudamuco, señor de ningures, obra de Roberto Vidal Bolaño da que o certame toma o seu nome.

O gañador
Xavier Lama López, que na actualidade traballa na Televisión de Galicia, foi durante doce anos profesor da Universidade de Santiago de Compostela, desempeñando tal función na Facultade de Ciencias da Comunicación en Santiago e na Facultade de Humanidades en Lugo. O autor, licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, traballou e colaborou como columnista en diversos medios impresos e audiovisuais. O seu labor xornalístico mereceu diversos premios, entre eles o Galicia de Xornalismo ao mellor artigo en 1989.

No eido literario, Lama, que suma dezaoito libros como autor ou coautor, ten no seu haber os premios Álvaro Cunqueiro de Narrativa, o Camiño de Santiago, o Rafael Dieste, o Manuel María ou o María Casares de Teatro, así como o Esquío e o González Garcés de poesía.

Recoñecementos ao Concello e a Edicións Positivas
Como integrantes do xurado, Rosa Álvarez, María Barcala, Luma Gómez, Manuel Guede e Damián Villalaín, todos eles membros da Academia Galega de Teatro, recoñeceron expresamente “ao Concello de Brión polo apoio a esta iniciativa e polo seu compromiso coa literatura dramática galega e co teatro do país” e tamén a Edicións Positivas pola súa “xenerosa implicación neste premio que rememora a figura de Roberto Vidal Bolaño”.

O premio
O Laudamuco para textos teatrais, que ten carácter anual, conta nesta primeira edición cunha dotación de 7.000 euros, acompañada da edición da obra. No premio puideron concorrer autores e autoras de calquera nacionalidade que presentasen unha obra dramática inédita, nunca antes premiada e escrita en lingua galega.

A creación deste certame ten o dobre obxectivo de apoiar a creación dramática en galego e contribuír ao recoñecemento da figura de Roberto Vidal Bolaño. O autor falecido en 2002 ten un gran vínculo con Brión, posto que a súa familia cedeu ao Concello gran parte do seu legado (manuscritos, libros, utilería teatral, premios…), que se porá á disposición da cidadanía.